O estreo dun clásico

O Vasán-Cubik Seguros comeza unha tempada na que devolvera o fútbol sala á Estrada

Partido co Leis

Formación do equipo estradense durante un adestramento de pretempada. // Bernabé/Javier Lalín.

O Vasán-Cubik disputará o primeiro partido oficial da súa historia o vindeiro domingo na pista do Pazos de Borbén. Este encontro será a posta de longo dun club e un equipo que volverá traer o fútbol sala ao pabellón Coto Ferreiro tras unha tempada no esquecemento. Esta entidade nace co obxectivo de consolidarse e de confeccionar un proxecto sólido que recupere unha afección que demostrou a súa fidelidade en máis dunha ocasión. Para iso, apostará polo bloque de xogadores locais que no seu día crearon e guiaron o Pastelería Mimela A Estrada.

Así, dos doce xogadores que compoñen o plantel, oito son da Estrada, por tres de Santiago de Compostela e un de Vilagarcía. Cabo destacar que do plantel caeuse unha das novas incorporacións, Cascallar, por motivos persoais, mentres que a participación de Iván está no aire por motivos laborais. O xogador non estará dispoñible no inicio pero manteráselle a ficha por si a súa situación no traballo cambia ao longo da tempada.

O encargado de xuntar estes elementos e convertelos nun equipo capaz de conseguir a permanencia é un vello coñecido da afección local, Juan Carlos Roia "Juáncar". O que foi capitán de Enredo e Reale volve á Estrada para asumir por primeira vez a función de adestrador tras colgar as botas. Tralos seus anos de experiencia dentro das pistas, o adestrador compostelano ten moi claros os seus obxectivos e a forma para conseguilos. Polo momento móstrase satisfeito pola evolución do equipo durante a pretempada, aínda que recoñece que a perda de xogadores, as lesións de homes como Marquitos e Rafita e a ausencia de Fabi durante varias semanas por motivos persoais foron factores que xogaron na súa contra nesta preparación.

Mentres o equipo busca a súa identidade sobre a pista, o club segue mostrando a ambición coa que naceu este proxecto. O encargado de asumir a presidencia é José Manuel Reboredo, quen estará acompañado por persoas coñecidas dentro do deporte local. Polo momento, á directiva non lle tremeu o pulso malia os seus tres meses de vida, algo que demostrou coa recuperación do Memorial Coto Ferreiro e a homenaxe a Álex Neira. Este evento reuniu no pabellón estradense aos tres mellores equipos de Galicia, Azkar, Santiago e Burela, e congregou a máis de 500 persoas nas bancadas. O club xa conta ademais con local social dentro do Coto Ferreiro e afanouse por conceder ao equipo todos os "luxos" necesarios en canto a corpo técnico, instalacións e material.

Postas as bases e realizado o traballo durante a pretempada, o Vasán-Cubik Seguros debe vestirse agora de curto. Farao nunha categoría complicada, na que terá que medirse a vellos coñecidos e na que caeron equipos históricos chamados a pelexar polo ascenso. Os de Juáncar terán como rivais aos filiais de Santiago e Burela, ademais de Leis, Coruxo, Carballiño, Xove ou Betanzos. A liga remata a finais do mes de abril.

A favor dos estradenses xoga a conjunción dun plantel que acumula anos de unión, tanto na Estrada como en equipos de fóra do municipio. Os estradenses caracterizáronse por ser un bloque agresivo sobre a pista e capaz do peor e do mellor. A intensidade no xogo e o apoio da afección no sempre esixente pabellón Coto Ferreiro serán claves.

(Faro de Vigo, 27/09/2013. Lois Docampo).

helvetia
Samaná
Edente
Aluminios Campos
Centro Médico San Paio
Start Motor
Reale Seguros
Vidromoss
 
Copyright © 2024 aestradafutsal. All Right Reserved.
Powered By Joomla Perfect