A cuarta reválida do A Estrada Futsal
Unha tempada máis o equipo estradense chega ao tramo final da competición loitando polo ascenso

equipo

Marcos Sesar e os seus homes, durante o adestramento realizado o pasado xoves. // Bernabé/Cris M.V

   O Mimela-Inversia A Estrada Futsal é un equipo atrapado nun bucle sen fin. Nas últimas tres tempadas os estradenses tropezaron coa mesma pedra e no mesmo momento. Foron tres anos de quedarse ás portas do título e o ascenso a Segunda B, tres golpes duros e difíciles de asumir. O destino con todo parece decidido a dar unha e mil oportunidades ao equipo do Coto Ferreiro, un bloque que, por cuarta tempada consecutiva, loitará por ser o campión de Terceira. O Pazos de Borbén será unha vez máis o seu gran rival nesa loita.

   O Mimela-Inversia é un equipo que vive sumido nunha tempestade de emocións. Os estradenses son capaces do mellor e o peor cunha semana de diferenza, unha dualidade que cabalga a lombos da calidade dun bloque ben armado para convertelos nun equipo totalmente impredicible. Esa incerteza constante que some ao equipo de Marcos Sesar na escuridade é a mesma que lle permite subirse cada ano ao mesmo cabalo coa confianza daquel que non sabe o que doe a caída desde esa altura. 

   Durante as últimas tres tempadas, o equipo estradense abrazouse con fe á vitola de equipo chamado a pelexar polo ascenso e cumpriu con esa premisa. As dúas primeiras desas tempadas, o seu soño de conseguir o ascenso terminou na última xornada, a primeira delas dependendo de si mesmos e a segunda necesitando un fallo que nunca chegou. A terceira reválida para o equipo do Coto Ferreiro chegou o ano pasado, metido de novo nunha loita da que se descolgaron na penúltima xornada para chegar ao partido final sen opcións. 

   Esas oportunidades deixaron un rosario de preguntas sen respostas e xustificacións que non enchen en ningún caso o regusto de perder algo polo que traballaron tanto e en tantas ocasións. Os porqués desas derrotas forman parten con todo do proceso de aprendizaxe dun equipo que, por cuarto ano consecutivo, volve mirar aos ollos do mesmo cabalo embravecido. Nesta ocasión, como nas tres anteriores, a confianza dos estradenses en conseguir o seu obxectivo é total. 

   A falta de seis xornadas para que finalice a competición, o equipo que dirixe Marcos Sesar é segundo na clasificación con 42 puntos. Un peldaño por enriba deles atópase o Pazos de Borbén, un equipo que ten 46 puntos pero que xogou un partido máis que os estradenses, polo que só lle restan cinco partidos. Nesta situación, o Mimela-Inversia sabe que non depende de si mesmo. O máximo que está na súa man é gañar os seus seis partidos o que os deixaría a un punto do Pazos de Borbén si este gana os seus cinco compromisos. A favor dos estradenses xoga con todo un calendario favorable para eles e moi complicado para o seu rival. 

   Os estradenses teñen por diante seis partidos nos que só un, o que xogarán mañá a partir das 19.00 horas contra o Bueu no Coto Ferreiro, é contra un rival da parte alta da táboa. Os cinco restantes son equipos da zona media ou baixa. O Pazos de Borbén con todo ten que medirse a Sala Ourense, Coruxo e Bueu, terceiro, cuarto e quinto na táboa. 

   "Confío en que si gañamos os nosos seis partidos imos ser campións porque o Pazos de Borbén vai ter algún pinchazo. Temos que pensar en ir partido a partido e sabendo que un empate do noso rival deixaría o ascenso na nosa man", son as palabras de confianza dun adestrador cuxo equipo vén de asinar unha racha de doce vitorias nas últimas trece xornadas. "Estamos nun bo momento a nivel anímico. Vimos recortando diferencias xornada a xornada e metido aí arriba e dáche moral. Sabemos que as vitorias dependen moito do noso estado de ánimo e ese estado é agora mesmo moi alto. Si estamos enchufados somos un equipo moi difícil de vencer", manifestou. 

   Sesar ve ao seu equipo preparado para afrontar o tramo decisivo da tempada unha vez máis, aínda que que recoñece que o Pazos de Borbén é un equipo máis veterano, que non notará tanto a presión e o nerviosismo de pelexar por un ascenso como o seu. "Eles teñen xente moi veterana, que xogou en División de Honor ou Prata, e que non se van a poñer nerviosos. Soportan ben a presión. Nós somos máis nerviosos que eles. Poderíase dicir que nós somos un equipo que vai a gasolina e eles son diesel. Creo con todo que imos aprendendo as últimas tempadas e que saberemos controlar as emocións". 

   A súa gran proba de lume será hoxe contra un Bueu que estaba chamado a pelexar polo ascenso. "En teoría é o partido máis duro que nos queda. Non será nada fácil. Aínda que xa non teñan opcións ninguén se vai a deixar perder", apuntou Sesar, quen pediu o apoio da súa afección nas últimas e decisivas xornadas da tempada.

(FAro de Vigo, 11/03/2017).

helvetia
Samaná
Edente
Aluminios Campos
Centro Médico San Paio
Start Motor
Reale Seguros
Vidromoss
 
Copyright © 2024 aestradafutsal. All Right Reserved.
Powered By Joomla Perfect