O A Estrada Futsal renova directiva e anuncia cambios no plano deportivo
Marcos Sesar faise cargo do equipo feminino - O técnico do masculino, sen pechar 

Directiva

Imaxe da nova directiva de A Estrada Futsal, onte, na súa sede. // Bernabé/Ana Agra

  O A Estrada Futsal vivirá unha revolución interna esta tempada. Tras meses de dúbidas polo desgastar da directiva e ata os rumores sobre unha posible desaparición, o club recibiu un novo impulso coa chegada de novos directivos. Será un sopro de aire fresco para a entidade, pero tamén unha forma de ir avanzando unha substitución futura. Esta remodelación verase ademais correspondida con cambios no plano deportivo, tanto nos postos técnicos como nos persoais.

     En canto á directiva, José Manuel Reboredo continuará exercendo como presidente da entidade. Como vicepresidente deportivo estará a partir de agora o ex-xogador do primeiro equipo Rafa Vázquez, mentres que o vicepresidencia económica será para Javier García. O cargo de tesorero estará ocupado por Juan Carlos García e o de secretario por Manuel Bascuas. A directiva complétase cos vocales Gonzalo Gómez, Luís Villaverde, Simón Ferreiro, Adán Goldar, Dani Brea, Mari Carmen, Álex García e César Coto.

     "A directiva refórzase con xente do fútbol sala. Eles son os que teñen que facerse cargo deste club no futuro", explicou Reboredo. Deste xeito, ex-xogadores como Rafa e César ou o coordinador Gonzalo Gómez asumirán a organización deportiva do club, realizando tamén os labores de relación con adestradores e xogadores. "É un paso importante porque logo de tantos anos xa estabamos un pouco cansos. A súa chegada permitiranos dar un impulso importante", manifestou o dirixente.

      A nivel deportivo, o A Estrada Futsal tamén realizará cambios. O principal é a anunciada marcha de Marcos Sesar, que abandona o primeiro equipo logo de tres tempadas. O técnico con todo seguirá ligado ao club, asumindo o posto que deixou vacante Manuti á fronte do equipo feminino. A nova directiva tiña previsto anunciar onte en roda de prensa o sustituto de Sesar no equipo masculino, pero as negociacións non se puideron pechar a tempo. O elixido coñecerase nos próximos días.

     En canto aos xogadores, á coñecida retirada de Rafa, César e Botel únese tamén a de Xulio. Reboredo recoñeceu que terán que xestionar novas incorporacións para reforzar ao equipo. O seu obxectivo segue sendo con todo apostar pola xente da Estrada. Por este motivo, teñen previsto que tres xuvenís realicen a pretempada co primeiro equipo con opcións de ter minutos. "O traballo de base empeza a dar os seus froitos e queremos que teñan esa oportunidade", explicou. En canto ao resto de xogadores do primeiro equipo, o noventa por cento de xogadores xa están renovados.

     En canto ao equipo feminino, á baixa de Eva únese tamén a de Miriam Reboredo. Neste caso tamén se buscará algún reforzo para intentar pelexar de novo entre as mellores. En canto á base, están á espera de coñecer o número de xogadores que terán, aínda que a idea inicial é contar con equipos alevín, infantil, cadete e dous xuvenís. Os encargados de adestrar todos estes equipos serán Rafa, Gonzalo, César e Pati.

   A nivel organizativo, Reboredo destacou o éxito do torneo de base que tivo lugar na Estrada, con 33 equipos en competición. Mirando cara ao futuro, anunciou que están traballando coa Federación Galega de Fútbol para volver organizar o Memorial Coto Ferreiro cun invitado de primeiro nivel. Neste caso sería a finais de verán ou comezos de outono.

   Torneo fútbol Praia

    O primeiro reto da nova directiva será a organización o próximo fin de semana dun torneo de fútbol praia nos xardíns municipais. A inscrición, que se pecha o xoves, é de cinco euros por xogador en categoría masculina e feminina, e de 10 por equipo para a base. O sábado xogarase o torneo masculino e feminino e o domingo terá lugar o das categorías base. A inscrición pode realizarse na Pastelería Mimela.

(Faro de Vigo, 19/06/2018).

helvetia
Samaná
Edente
Aluminios Campos
Centro Médico San Paio
Start Motor
Reale Seguros
Vidromoss
 
Copyright © 2024 aestradafutsal. All Right Reserved.
Powered By Joomla Perfect