O adeus de tres históricos

Os xogadores do A Estrada Futsal Rafita, César e Botel anuncian a súa retirada 

Fin de etapa

Os xogadores estradenses, onte, no pabellón Coto Ferreiro. // Bernabé/J. Carlos Asorey

   Fai unha década, un grupo de mozos do pobo uníronse para crear un equipo que tras moitas idas e vindas terminou converténdose no que hoxe é o A Estrada Futsal. César, Rafa e Botel formaban parte daquel equipo, converténdose ao longo destes anos en xogadores claves dentro da historia do fútbol sala estradense. Os tres decidiron agora colgar a botas, recoñecendo o cansazo mental e físico logo de tantas tempadas.

   Os tres forman xa parte da historia do fútbol sala estradense. Desde 2009, cando un grupo de amigos se uniron para recuperar o fútbol sala na Estrada, ata hoxe, Rafa, César e Botel formaron parte de todos os proxectos postos en marcha, destacando os catro segundos postos consecutivos en Terceira División. A competición de copa que iniciaron onte servirá con todo para poñer punto e final á súa aventura no A Estrada Futsal, xa que os tres anunciaron a súa intención de retirarse tras esta tempada. Na súa despedida, coinciden ao sinalar a espiña que teñen cravada, por non ser campións de Terceira División.

   Un deles é o actual capitán do equipo, Sergio Brea "Botel". O xogador de 33 anos recoñeceu que as obrigacións laborais e a idade foron dous factores determinantes á hora de tomar esta decisión. "Os partidos non son problema, pero os adestramentos semanais chega un momento en que se fan duros. Seguro que o vou botar de menos, pero teño a cabeza noutro lado e necesito desconectar", afirmou. "Estivo ben. Nos últimos anos pelexamos sempre por ser campións e iso axúdache a seguir enganchado", valorou.

   César pola súa banda decidiu deixalo con só 28 anos. O porteiro recoñece que non é unha cuestión de idade, senón de desgaste persoal. "Son xa moitos anos e é mellor deixalo a tempo", afirmou un home que se iniciou no fútbol sala con 18 anos. "Si me din fai dez anos que viviría todo isto non mo crería.", explica un César que valora especialmente os amigos que gañou na súa carreira deportiva. "Non todo na vida é gañar ou perder. Hai cousas máis importantes".

   César non se desligará do A Estrada Futsal, xa que a súa intención, igual que a de Rafa, é incorporarse á directiva do club, ademais de seguir adestrando na base. Rafa con todo déixao aos 33 anos e castigado polos problemas físicos. "As lesións deixáronme fatal", recoñece un home que volveu este ano ao club tralo seu paso polo Estradense. "Volvín para facerlles un favor pero non fun capaz de facer moito. O ano fíxoseme longo", admite.

(Faro de Vigo, 26/05/2018).

helvetia
Samaná
Edente
Aluminios Campos
Centro Médico San Paio
Start Motor
Reale Seguros
Vidromoss
 
Copyright © 2024 aestradafutsal. All Right Reserved.
Powered By Joomla Perfect