Unha despedida con honores

A capitá do A Estrada Futsal, Eva Ríos Torres, colga as botas logo de pechar a tempada como a máxima goleadora da Liga Autonómica con 36 goles en 24 partidos

Eva Torres

Eva Ríos Torres, ontte, no pavillón Coto Ferreiro de A Estrada. // Bernabé/Cris M.V.

   Eva Ríos é unha peza crave no A Estrada Futsal. A capitá leva desde o 2013 sendo unha guía fóra da pista e ao mesmo tempo un referente dentro dela. Cumpridos os trinta e tras unha longa traxectoria no fútbol sala, a estradense anunciou a súa intención de colgar a botas. Faino recoñecendo o desgaste das últimas tempadas e encomiando o traballo realizado por un equipo sempre en progresión. A capitá márchase e faino ademais con novo recoñecemento debaixo do brazo, xa que finalizou a Liga Autonómica como a máxima goleadora.

   O A Estrada Futsal puxo punto e final á tempada o pasado fin de semana cun meritorio cuarto posto. A súa actuación destaca nunha categoría de gran nivel, con varios filiais importantes e equipos de renome. As estradenses con todo seguiron coa súa constante progresión, asentándose entre as mellores e pelexando ata o final polo terceiro posto. Na tempada do equipo dirixido por Manuti destacou a súa facilidade goleadora, sendo o segundo equipo que máis goles marcou por detrás do líder Ourense B. Nesa marca han ter gran importancia dúas xogadoras, Eva Ríos Torres e Natalia Castro, primeira e segunda na táboa final de goleadoras.

   A pichichi do equipo estradense e máxima goleadora da Liga Autonómica foi a capitá Eva Ríos, autora de 36 goles en 24 partidos. Deste xeito péchase un ciclo que iniciou fai cinco tempadas, cando lograron o ascenso de Provincial a Autonómica con ela como pichichi da categoría. Cinco anos pasaron desde aquel primeiro proxecto de fútbol sala feminino -aínda co nome de Estradense-. Tras este periodo, a capitá decidiu poñer punto e final á súa carreira. Aos seus trinta anos, sinalou o cansazo acumulado como o principal motivo desta decisión.

   Eva iniciouse no fútbol desde moi pequena, formando parte da canteira do Callobre. Durante anos destacou nas categorías mixtas, sendo a única nena do equipo ata que xa non puido facelo máis tempo, cumpridos os catorce anos. A partir de aí deu o salto ao fútbol sala, xogando co Ulla Oil -durante un ano o Reale A Estrada-. "Logo diso decidín deixalo. Levaba cinco ou seis anos sen xogar. Un día chamoume Rafa, que ía ser o adestrador do Estradense de fútbol sala feminino. En principio díxenlle que non pero empezamos a falar entre nós e ao final animámosnos. Co si ti vas, eu vou, ao final xa levamos aquí cinco anos", explica a capitá ao analizar a súa chegada ao proxecto do Estradense e posteriormente do A Estrada Futsal.

   Chegados a este punto, Eva recoñece que é o momento de deixalo. "Xa o ano pasado estiven preto, pero ao final decidín seguir. Dábame rabia pensar que podían gañar a liga sen min. Este ano con todo acabouse. Xa non hai máis intentos", afirma. "Ir adestrar cada vez cústame máis. Ao final son tres días que te deitas tarde e teste que levantar cedo. Acaboume cansando", engadiu no mesmo sentido. A xogadora considera ademais que o deixa "nunha boa época". "Voume de pichichi. Si gañamos a copa xa sería xenial. Non vou ter un mellor momento para deixalo", chanceou a capitá.

   En canto ao seu trofeo de máxima goleadora, Eva recoñece que foi unha sorpresa. "Sempre estiven por aí arriba, de segunda ou terceira, pero en ningún momento contaba con levarmo. Natalia e unha moza do Bembrive estiveron toda a tempada entre o primeiro e segundo posto. Tiven con todo sorte, porque no penúltimo partido marquei tres goles. Aí púxenme de primeira. No último marquei outros dous e mantívenme. Debo dicir con todo que o pichichi é tanto meu como de Natalia porque moitos dos goles que marquei foron con pases seus".

  A capitá con todo márchase lamentando ese cuarto posto final. "Metemos a pata nalgún partido clave e terminamos cuartas. Vendo a liga, o noso obxectivo era terminar terceiras. Os dous primeiros equipos eran inalcanzables, pero o terceiro posto si. Ao final quedámosnos a tres puntos do Bembrive", analiza. "Non era con todo unha categoría fácil, con moitos filiais, pero plantámoslle cara a todos".

   A xogadora do A Estrada Futsal mira agora con ilusión a súa última competición co equipo, a copa, que se celebrará os días 12 e 13 na Estrada. "Decatámonos o luns de que se ía a organizar aquí. Xogamos os catro primeiros, Ourense, Leis, Bembrive e nós. Será unha bonita forma de acabar a tempada. A ver si podemos dar a sorpresa", afirmou.

(Faro de Vigo, 04/05/2018).

helvetia
Samaná
Edente
Aluminios Campos
Centro Médico San Paio
Start Motor
Reale Seguros
Vidromoss
 
Copyright © 2024 aestradafutsal. All Right Reserved.
Powered By Joomla Perfect