A directiva do Vasán-Cubik Seguros quere encher o  Coto Ferreiro na visita do líder

entreno

Un instante do entrenamento dos homes de Juáncar, onte, no Coto Ferreiro. // Bernabé/Javier Lalín

O tirón que na Estrada ten o fútbol sala é algo que vén de moi atrás. Diso estase aproveitado o neófito Vasán-Cubik Seguros A Estrada Futsal, que viu como o pasado fin de semana foron moitos os afeccionados que viaxaron para animar ao equipo e ver como vencía en Vilalba. Os responsables do conxunto estradense queren que esa euforia non decaiga este sábado, no Coto Ferreiro, durante a visita do primeiro clasificado.

"Trátase dun encontro vital para o Vasán-Cubik Seguros xa que se enfronta ao Leis Pontevedra FS, líder da Terceira Nacional, e de conseguir os 3 puntos aferrariámonos aos postos altos da clasificación", asegura a nota emitida pola directiva do conxunto do Coto Ferreiro, que o quere encher como nos mellores tempos para convertelo este sábado nunha auténtica caldeira. A directiva e o persoal do Vasán-Cubik Seguros fan un chamamento "para que a afección abarrote o Coto Ferreiro, posto que quedou demostrado ante o Superti na casa, e en Vilalba, no desprazamento do pasado sábado, que nos momentos decisivos do partido o empuxe da afección é a nosa mellor arma". Neste sentido, os mandatarios do conxunto estradense aseguran estar "traballando nunha nova iniciativa que temos a intención de presentar o vindeiro sábado aos afeccionados" e volverán repartir invitacións a colexios e institutos da localidade para o duelo co Leis Pontevedra.

No plano estritamente deportivo, o equipo volveu ao traballo a partir do luns para preparar o importante choque deste fin de semana. De momento, Juáncar xa sabe que non poderá contar para a ocasión con Fabián, que se perderá o encontro por motivos persoais. Ademais, no Vasán-Cubik Seguros a principal dúbida a estas alturas da semana é a de Tossi, que segue arrastrando molestias no empeine dereito, que xa lle impediron xogar en Vilalba e adestrar na primeira sesión semanal xunto ao resto do grupo.

Doutra banda, Moro que sufriu un forte golpe contra o valo de protección do polideportivo vilalbés na última xornada, púidose adestrar xa sen problemas no Coto Ferreiro e, salvo complicación de última hora, estará a disposición de Juáncar para enfrontarse ao primeiro clasificado da categoría. A vitoria en Vilalba cargou de moral a un Vasán-Cubik Seguros que afronta o difícil compromiso da sétima xornada convencido de poder ser o segundo equipo que consegue tombar esta tempada ao todopoderoso conxunto da capital da provincia.

(Faro de Vigo, 6/11/2013).

helvetia
Samaná
Edente
Aluminios Campos
Centro Médico San Paio
Start Motor
Reale Seguros
Vidromoss
 
Copyright © 2024 aestradafutsal. All Right Reserved.
Powered By Joomla Perfect