O A Estrada Futsal homenaxea á súa sección feminina e a Eva Ríos

O club organiza o sábado e domingo a copa de Primeira División

PresentacionCopa.Feminina

Imaxe da presentación realizada onte. // Bernabé/Cris M.V.

   O A Estrada Futsal organizará o próximo fin de semana unha competición especial. O club que preside José Manuel Reboredo anunciou que o pavillón Coto Ferreiro acollerá o sábado e domingo o torneo de Copa da Primeira División Autonómica, no que se enfrontan os catro primeiros clasificados da liga regular: Ourense Envialia B, Leis de Pontevedra, Bembrive e o conxunto local, o A Estrada Futsal. O club con todo quere que este torneo sexa un recoñecemento aos seus dous equipos femininos e ao gran traballo que realizaron ao longo das últimas tempadas. Ademais, focalizou esa homenaxe de xeito individual en Eva Ríos Torres, a súa capitá e máxima goleadora da categoría esta tempada, que colgará as botas tras este torneo.

   A competición foi presentada onte no consistorio estradense contando coa presenza do concelleiro de Deportes, Ismael Pena; o representante da Federación Galega de Fútbol, José Manuel Fernández; e o presidente e vicepresidente da entidade, José Manuel Reboredo e Alejandro García. Pena explicou o sistema dun torneo que arrinca o sábado ás 17.00 horas co partido entre o Leis e o Bembrive, segundo contra terceiro en liga. Ás 19.00 chegará o prato forte, co partido entre o A Estrada Futsal e o Ourense. Os vencedores enfrontaranse na final, que será o domingo ás 12.00 horas. A entrada para asistir será de dous euros.

   "Para nós é unha satisfacción organizar un torneo así", explicou Reboredo. "Un dos motivos para aceptar foi a posibilidade de facer un recoñecemento á sección feminina do club logo de anos de grandes resultados. O equipo B quedou campión de liga e pelexará por subir a Provincial e o A pelexa na parte alta da Liga Galega", recordou.

(Faro de Vigo, 10/05/2018).

Final de copa de fútbol-sala feminino na Estrada

O sábado ás 19 horas enfróntase a estrada futsal a ourense envialia 

Copa fem.2

   O pavillón Coto Ferreiro da Estrada acollerá o fin de semana a final da Copa de 1ª División Autonómica feminina de fútbol-sala. O sábado ás 17 horas enfróntanse Leis de Pontevedra e Bembrive, mentres ás 19 horas serán as anfitrionas da Estrada Futsal as que xoguen contra Ourense Envialia. A final será o domingo ás 12 horas, con 2 euros de entrada. O presidente do club estradense, José Manuel Reboredo, destacou que esta final de copa é un recoñecemento a todas as seccións do equipo, en especial as femininas. Tivo un recordo para Eva Ríos, máxima goleadora da liga e que deixa o fútbol-sala. Por outra banda, o domingo o local B xógase ascender fronte ao Candeán.

(La Voz de Galicia, 10/05/2018).

O Sala Ourense conquista a perfección

Os ourensáns coroan o seu dominio absoluto na liga co ascenso a Segunda B e o título na Estrada

sala ourense

Os compoñentes do Sala Ourense celebran o ascenso, onte, sobre a pista do Coto Ferreiro. // Fotos: Bernabé/Cris M.V.

   A tempada soñada polo Sala Ourense fíxose realidade onte na Estrada, onde conseguiu o título ligueiro e o ascenso a Segunda B dunha tacada como colofón ao seu exercicio de autoridade de principio a fin no campionato. Había moito en xogo e palpouse desde o comezo. Os locais apuraban as súas últimas opcións de dar caza ao líder e os ourensáns acudían ao sempre complicado Coto Ferreiro coa intención de cantar o alirón por todo o grande, na cancha do seu máximo rival.

   O Sala Ourense non cambiou o seu estilo de xogo e apertou e esixiu ao seu rival na saída de balón. A primeira ocasión foi para Tizón no minuto inicial. A partir de aí, un primeiro acto moi disputado e no que as ocasións e a posesión se repartiron. O A Estrada Futsal deu primeiro no minuto 6 tras unha falta moi discutida. David Bermejo empataría desde os dez metros na recta final do primeiro tempo. No segundo, no minuto 25 quédanse tres contra tres polas expulsións de Rafa e Tizón. Nesa situación, Allariz tivo unha moi clara tras boa acción individual que Sergio desvío a córner. Guede desbaratou un un para un, polo que non houbo goles e recuperáronse os cinco de pista. Álvaro tivo o 1-2 pero de novo Sergio evitouno.

   Despois Martín tirou ao pau minuto 29. Os últimos dez minutos foron de infarto. Edu, para os locais no minuto 33, atópase con Guede e Bermejo, nunha transición, tira á cruceta. Xa no 35, Rivero dispara desde a esquina e Sergio envía a córner. Faltando dous minutos, A Estrada optou polo xogo de cinco e os ourensáns defendéronse ben das envestidas. O seu adestrador, Kike García, faltando un minuto 13 segundos pediu tempo morto e Raúl Rivero sentenciaba de campo a campo e daba co seu gol o título e o ascenso para xúbilo dos xogadores e os afeccionados do Sala Ourense desprazados á Estrada.

(Faro de Vigo, 06/05/2018).

O Sala Ourense vence na Estrada e proclámase campión

   O Sala Ourense proclamouse onte campión da Terceira División logo de vencer por 1-2 ao A Estrada Futsal no Coto Ferreiro. Foi un partido de poder a poder e marcado pola tensión. Terminouse decidindo cun tanto dos visitantes aos que lles valía o empate a falta de 35 segundos. Houbo tamén varios expulsados, destacando a agresión que sufriu Kinso que terminou en Urxencias cunha ferida na boca.

(Faro de Vigo, 06/05/2018).

O Sala Ourense chama ao ascensor

O equipo de Kike García subirá a Segunda B si puntúa esta tarde na Estrada

sala ourense 1Corpo técnico e plantilla do equipo do Sala Ourense, nos Remedios. // Iñaki Osorio

   O Sala Ourense afronta esta tarde o partido que marca o seu detino tras unha tempada na que dominou con gran autoridade o campionato da Terceira División. O conxunto adestrado por Kike García enfróntase ás 19.00 horas no Pavillón Municipal Manuel Coto Ferreiro da Estrada ao segundo clasificado, contra o que necesita sumar un punto para certificar, con tres xornadas de antelación, tanto o título de liga como o ascenso a Segunda División B.

   O Sala Ourense chega a esta cita con 69 puntos no seu casilleiro, oito máis que o Inversia A Estrada Futsal, un segundo clasificado particularmente poderoso en casa, onde acumula 12 vitorias, un empate (ante o 5 Coruña) e non coñece a derrota. Pero os de Kike García demostraron ao longo da competición ser o mellor equipo, concedendo só dúas derrotas en 27 xornadas, e encaixando 62 tantos polos 118 a favor.

   Esta tarde queren sumar os tres puntos para cantar o alirón ao grande. En caso de non conseguilo, aínda lle quedaría unha oportunidade o próximo fin de semana na cancha central dos Remedios, ante o Talleres ABC IES Coruxo, e outra no asalto ligueiro final na pista da Pontenova para conseguir o seu obxectivo.

   Para o conxunto estradense, o partido de hoxe ten un sabor amargo ao participar só como invitados á posible festa do líder desde a segunda posición. Matemáticamente aínda teñen opcións de alcanzalos, pero é unha posibilidade moi remota con oito puntos de diferenza con nove por poñerse en xogo.

   O técnico do Inversia A Estrada Futsal, Marcos Sesar, recoñeceu ademais que o seu equipo desconectouse totalmente da competición tras verse fóra da pelexa polo título. "Adestramos só un día dos últimos quince. É un partido condicionado por completo no que teremos moi difícil lograr a vitoria", afirmou.

(Faro de Vigo, 05/05/2018).

 

Unha despedida con honores

A capitá do A Estrada Futsal, Eva Ríos Torres, colga as botas logo de pechar a tempada como a máxima goleadora da Liga Autonómica con 36 goles en 24 partidos

Eva Torres

Eva Ríos Torres, ontte, no pavillón Coto Ferreiro de A Estrada. // Bernabé/Cris M.V.

   Eva Ríos é unha peza crave no A Estrada Futsal. A capitá leva desde o 2013 sendo unha guía fóra da pista e ao mesmo tempo un referente dentro dela. Cumpridos os trinta e tras unha longa traxectoria no fútbol sala, a estradense anunciou a súa intención de colgar a botas. Faino recoñecendo o desgaste das últimas tempadas e encomiando o traballo realizado por un equipo sempre en progresión. A capitá márchase e faino ademais con novo recoñecemento debaixo do brazo, xa que finalizou a Liga Autonómica como a máxima goleadora.

   O A Estrada Futsal puxo punto e final á tempada o pasado fin de semana cun meritorio cuarto posto. A súa actuación destaca nunha categoría de gran nivel, con varios filiais importantes e equipos de renome. As estradenses con todo seguiron coa súa constante progresión, asentándose entre as mellores e pelexando ata o final polo terceiro posto. Na tempada do equipo dirixido por Manuti destacou a súa facilidade goleadora, sendo o segundo equipo que máis goles marcou por detrás do líder Ourense B. Nesa marca han ter gran importancia dúas xogadoras, Eva Ríos Torres e Natalia Castro, primeira e segunda na táboa final de goleadoras.

   A pichichi do equipo estradense e máxima goleadora da Liga Autonómica foi a capitá Eva Ríos, autora de 36 goles en 24 partidos. Deste xeito péchase un ciclo que iniciou fai cinco tempadas, cando lograron o ascenso de Provincial a Autonómica con ela como pichichi da categoría. Cinco anos pasaron desde aquel primeiro proxecto de fútbol sala feminino -aínda co nome de Estradense-. Tras este periodo, a capitá decidiu poñer punto e final á súa carreira. Aos seus trinta anos, sinalou o cansazo acumulado como o principal motivo desta decisión.

   Eva iniciouse no fútbol desde moi pequena, formando parte da canteira do Callobre. Durante anos destacou nas categorías mixtas, sendo a única nena do equipo ata que xa non puido facelo máis tempo, cumpridos os catorce anos. A partir de aí deu o salto ao fútbol sala, xogando co Ulla Oil -durante un ano o Reale A Estrada-. "Logo diso decidín deixalo. Levaba cinco ou seis anos sen xogar. Un día chamoume Rafa, que ía ser o adestrador do Estradense de fútbol sala feminino. En principio díxenlle que non pero empezamos a falar entre nós e ao final animámosnos. Co si ti vas, eu vou, ao final xa levamos aquí cinco anos", explica a capitá ao analizar a súa chegada ao proxecto do Estradense e posteriormente do A Estrada Futsal.

   Chegados a este punto, Eva recoñece que é o momento de deixalo. "Xa o ano pasado estiven preto, pero ao final decidín seguir. Dábame rabia pensar que podían gañar a liga sen min. Este ano con todo acabouse. Xa non hai máis intentos", afirma. "Ir adestrar cada vez cústame máis. Ao final son tres días que te deitas tarde e teste que levantar cedo. Acaboume cansando", engadiu no mesmo sentido. A xogadora considera ademais que o deixa "nunha boa época". "Voume de pichichi. Si gañamos a copa xa sería xenial. Non vou ter un mellor momento para deixalo", chanceou a capitá.

   En canto ao seu trofeo de máxima goleadora, Eva recoñece que foi unha sorpresa. "Sempre estiven por aí arriba, de segunda ou terceira, pero en ningún momento contaba con levarmo. Natalia e unha moza do Bembrive estiveron toda a tempada entre o primeiro e segundo posto. Tiven con todo sorte, porque no penúltimo partido marquei tres goles. Aí púxenme de primeira. No último marquei outros dous e mantívenme. Debo dicir con todo que o pichichi é tanto meu como de Natalia porque moitos dos goles que marquei foron con pases seus".

  A capitá con todo márchase lamentando ese cuarto posto final. "Metemos a pata nalgún partido clave e terminamos cuartas. Vendo a liga, o noso obxectivo era terminar terceiras. Os dous primeiros equipos eran inalcanzables, pero o terceiro posto si. Ao final quedámosnos a tres puntos do Bembrive", analiza. "Non era con todo unha categoría fácil, con moitos filiais, pero plantámoslle cara a todos".

   A xogadora do A Estrada Futsal mira agora con ilusión a súa última competición co equipo, a copa, que se celebrará os días 12 e 13 na Estrada. "Decatámonos o luns de que se ía a organizar aquí. Xogamos os catro primeiros, Ourense, Leis, Bembrive e nós. Será unha bonita forma de acabar a tempada. A ver si podemos dar a sorpresa", afirmou.

(Faro de Vigo, 04/05/2018).

O A Estrada FS aférrase a segunda praza da táboa

   Contundente vitoria dos de Marcos Sesar na súa visita ao polideportivo de Chapela. O A Estrada Futsal aguanta desta forma na segunda posición a falta de tres xornadas, con 3 puntos de vantaxe sobre o terceiro clasificado Pazos de Borbén.

(Faro de Vigo, 02/05/2018).

O A Estrada FS mídese ao Campito en busca da súa vixésima vitoria

   O A Estrada Futsal viaxa esta tarde a terras redondelanas para xogar na pista do Campito a partir das 19.00 horas. Os de Marcos Sesar, que son claros favoritos para sumar os puntos en xogo, buscan sumar a súa vitoria número 20 no campionato regular, e apontoar desa forma a segunda posición.

(Faro de Vigo, 29/04/2018).

titulo
helvetia
Samaná
Edente
Aluminios Campos
O Camiño
Centro Médico San Paio
Turgalia
Start Motor
Reale Seguros
Vidromoss
 
Copyright © 2021 aestradafutsal. All Right Reserved.
Powered By Joomla Perfect