Loitando entre as mellores

O City Lift A Estrada Futsal debuta mañá na casa contra o CD. Portosín

   Maria.CamposO City Lift A Estrada Futsal feminino estréase mañá como locais, ás 12.30 horas, na segunda xornada da Liga Galega. As pupilas de Manuti e Tosar debutan ante a súa afección do Coto Ferreiro durante a visita do CD Portosín, e buscan os primeiros puntos da tempada logo de caer na xornada inaugural na pista do Olivo, onde acusaron as baixas. O conxunto de Estrada pretende consolidarse na máxima categoría autonómica do fútbol sala feminino logo de asinar unha moi boa actuación na pasada tempada, a da súa creación. O City Lift aspira a terminar entre as mellores da competición por segundo ano consecutivo, aínda que sen perder de vista que o principal obxectivo é a permanencia.

   As féminas do conxunto estradense de fútbol sala continúan unha tempada máis ás ordes do técnico Manuti, que accedeu ao cargo trala renuncia de Rafa Vázquez, obrigado a deixar os adestramentos por motivos laborais. As estradenses xogarán este ano nunha cada vez máis esixente competición autonómica, tras realizar unha magnífica tempada o ano pasado e conseguir o ascenso de categoría. As estradenses superaron todas as expectativas e, malia ser o seu primeiro ano como federadas, terminaron a liga perdendo soamente dous partidos. Isto fai que as xogadoras de Manuti teñan postas nesta tempada moitas esperanzas na realización dun bo papel. Para iso o club reforzouse con catro novas fichaxes, que se uniron ás xogadoras que xa pertencían ao plantel como núcleo duro da mesma. Luchi, Sonia Rivadulla, Cova e Natalia chegan ao City Lift para aumentar o nivel dun grupo que mestura veteranía e mocidade, e onde a entrega e a ilusión son os acenos de identidade do grupo.

   No seo do City Lift A Estrada Futsal realizouse este ano unha aposta moi forte polo fútbol sala feminino, co proxecto de creación dun equipo filial co que facer canteira e que disputará a Liga Local de Pontevedra. Desta forma, a entidade conta con dous conxuntos femininos e garántese a presenza na máxima categoría do fútbol sala feminino galego e, tamén, na competición provincial, onde se foguearán algunhas das xogadoras que aspiran a xogar co primeiro equipo. O obxectivo é consolidar un club que pretende situar ao fútbol sala feminino no lugar que se merece sen perder de vista a continuidade de todos os seus equipos federados.

   As xogadoras do City Lift A Estrada Futsal agardan unha boa entrada tanto mañá como durante o resto da tempada durante os seus partidos como locais para poder aspirar a un papel como o da pasada tempada. Desde a entidade tamén se anima aos afeccionados a desprazarse nos partidos que as mozas de Manuti e Tosar xogarán lonxe da súa feudo.

(Faro de Vigo, 03/10/2015)

titulo
helvetia
Samaná
Edente
Aluminios Campos
O Camiño
Centro Médico San Paio
Turgalia
Start Motor
Reale Seguros
Vidromoss
 
Copyright © 2021 aestradafutsal. All Right Reserved.
Powered By Joomla Perfect