O A Estrada Futsal cadete A conquista a Supercopa
Os do Coto Ferreiro impóñense ao Leis con goles de Ulla, Adrián e dous de Juli

Supercopa.CadeteA

Os cadetes do A Estrada Futsal levantan o título 

   O conxunto A cadete do A Estrada Futsal proclamouse onte de forma brillante campión da Supercopa que se disputou nos arredores de Pontevedra. O conxunto masculino de base estradense impúxose por un claro marcador de 4-0 ao Leis Pontevedra nun partido que sempre tivo cor azulón. Ulla, Adrián e un doblete de Juli déronlle o título aos azulóns fronte a un dos mellores equipos da categoría. Os estradenses celebraron no centro do pavillón Montecarrasco un título que engrosa o palmarés do A Estrada Futsal.

   Con todo, a cruz da xornada copera de onte para o conxunto do Coto Ferreiro foi a derrota do equipo feminino na final da Copa de Pontevedra fronte ao Barro, tamén no pavillón Montecarrasco de Marcón. Lucía puxo por diante ás de Manuti, pero o tanto do Barro conseguido na recta final forzou unha prórroga xogada de poder a poder sen que se movese o electrónico. Finalizada a mesma coas táboas iniciais no marcador, a morte súbita decantou o título para o equipo que onte xogaba como local. O A Estrada Futsal feminino B, que buscaba redondear a tempada logo de acabar cuarto na competición doméstica, fallou o quinto penalti, o que supuxo o trofeo provincial para o Barro CF.

(Faro de Vigo, 10/06/2018).

O A Estrada Futsal feminino B xoga hoxe ante o Barro a final da Copa

Sonia.CopaLocal

   O A Estrada Futsal Feminino B disputará a final da Copa en categoría sénior feminina. O conxunto estradense que adestra Manuti medirase hoxe ao Barro CF. O encontro disputarase no pavillón Montecarrasco, en Marcón (Pontevedra), a partir das 19.30 horas. Desta forma os dous equipos de máxima categoría do club da Estrada estarán nas fases finais, tras facelo o masculino e xogar precisamente na casa, aínda que sen chegar ao partido definitivo, que si xogará o conxunto feminino. As estradenses buscarán un título co que redondear a tempada, tras quedar campionas da liga local e callar unha boa actuación.

(La Voz de Galicia, 09/06/2018).

O Pazos de Borbén levanta a copa RFGF na Estrada 

pazos borben

Imaxe da entrega de trofeos. // Bernabé/J. Carlos Asorey

   O Pazos de Borbén levouse a vitoria na Copa RFGF de Terceira División de fútbol sala tras vencer na final do torneo celebrado ao longo do fin de semana no pavillón Coto Ferreiro da Estrada. O Pazos de Borbén, que gañou en semifinais ao conxunto local do A Estrada Futsal, impúxose no partido decisivo ao Talleres ABC Vigo, que deixara no camiño ao Sala Ourense. O partido caeu do seu lado por un resultado de 3-5.

A entrega de trofeos aos dous primeiros contou coa presenza do presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, e do alcalde da Estrada, José López Campos.

(Faro de Vigo, 05/06/2018).

O A Estrada Futsal cae ante o Pazos de Borbén nas semifinais de copa
Na final do torneo xogado no Coto Ferreiro agarda o Coruxo, que gañou ao Ourense
 

Copa RFGF

Imaxe do partido que enfrontou onte ao A Estrada Futsla e ao Pazos de Borbén. // Bernabé/Cris M.V.

   O pavillón Coto Ferreiro vestiuse onte de gala para acoller as semifinais da Copa RFGF de Terceira División, un duelo a catro bandas que se decidirá hoxe no mesmo escenario coa disputa da final. A tarde empezou con sorpresa, xa que o Talleres ABC Coruxo derrotou por 1-2 ao Sala Ourense, campión de liga. O prato forte para os afeccionados chegou xusto despois, co partido que enfrontou ao Inversia A Estrada Futsal contra o Pazos de Borbén, un duelo que terminou caendo ao lado dos visitantes por 1-3. Coruxo e Pazos de Borbén xogaranse deste xeito o título nun encontro que arrincará ás 12.00 horas.

   O choque disputado polos estradenses na tarde de onte estivo marcado pola igualdade, algo habitual nos partidos entre ambos equipos. Trala sorpresa da eliminación do Sala Ourense, o A Estrada Futsal medíase a un rival ao que esta tempada lograra superar na clasificación, pero co que sempre mantén duelos tan bonitos como tensos. Nesta ocasión non foi diferente e todo se decidiu a favor dos visitantes cun terceiro tanto a falta de vinte segundos.

   Os de Marcos Sesar saíron á pista coa intención de minimizar erros ante un rival que sabe aproveitalos. Malia esa cautela topáronse axiña cun tanto en contra por culpa dun fallo defensivo. A partir de aí, buscaron a igualada, aínda que tiveron diante a un rival moi ordenado que deu poucas concesións defensivas.

   Na segunda parte con todo, o partido deu un envorco grazas ao tanto de Moro. Co choque empatado, os estradenses viviron os seus mellores momentos, con varias ocasións claras ás que respondeu con acerto o meta visitante. Cando mellor estaban, chegou o segundo tanto do Pazos de Borbén nun rexeite. Ese tanto levou ao equipo de Marcos Sesar ao momento que quería evitar, ante un rival que se move ben nesas situacións e cun equipo canso pola obrigadas acumulación de minutos polas baixas. Os locais morreron atacando, incluído o porteiro dianteiro no tramo final. Un balón perdido nos últimos segundos permitiu ao Pazos de Borbén colocar o 1-3 co que terminou o choque.

   Tralo partido, Sesar cualificou ao equipo rival como xusto vencedor do duelo e lamentou o cansazo que lles impediu dar un último ataque de rabia a polo empate.

(Faro de Vigo, 03/06/2018). 

A Estrada Futsal, fóra da final tras caer ante o Pazos de Borbén

O 1-3 definitivo apea aos locais da Copa de Terceira División 

Botel.Copa

   A Estrada Futsal afrontaba onte un partido con especial ilusión, unha semifinal ante o Pazos de Borbén como último escollo para disputar esta mañá ao mediodía a final da Copa de Terceira División de fútbol sala. Boa entrada no Coto Ferreiro para seguir as evolucións dos locais, que alcanzaron a segunda praza na competición ligueira e aspiraban ao título copeiro.

   Pero no terreo de xogo, a sorte non sorriu. O técnico local, Marcos Sesar, suscitara un encontro buscando ser máis prácticos do habitual. Pero A Estrada Futsal chegaba moi xusto de efectivos e no aspecto físico, e ao cabo pasou factura, ante un Pazos de Borbén que tampouco chegaba no seu mellor momento. Os visitantes adiantáronse aos poucos minutos do inicio, e o A Estrada Futsal foi a remolque todo a primeira parte, que concluíu con ese 0-1. Ao pouco da reanudación chegou o tanto do empate, obra de Moro, e os de Marcos Sesar tiveron os seus mellores minutos.

   Unha presión ante a meta do Pazos de Borbén, con dous ou tres man a man que con todo non lograron entrar. Nunha das poucas ocasións, o Pazos de Borbén fixo o 1-2 que desbaratou o encontro. A Estrada Futsal lanzouse á desesperada para intentar igualar o encontro, sacando ao porteiro dianteiro. A medio minuto do final, unha contra propiciou o 1-3 definitivo marcado a porta baleira, un resultado demasiado abultado para un encontro máis igualado que o reflectido no electrónico: «Foi unha pena, era un torneo na casa que podiamos gañar, aquí na Estrada», indicaba Sesar. Xogaron polos locais de inicio Sergio, Moro, Martín, Ulla e Boti, con substitucións logo de Toño, Quinso, Tojo e Rafa. Foron convocados tamén xunto a César os xuvenís Manu e Adrián Cao.

   Na mesma liña pronunciábase o presidente do club, José Manuel Reboredo: «Un ano máis quedamos ás portas dun éxito deportivo como o título de copa, despois de ser segundos na liga». A final dispútase hoxe ás 12 horas entre Pazos de Borbén e Talleres ABC Vigo, que se impuxo ao Sala Ourense por 1-2.

(La Voz de Galicia, 03/06/2018).

titulo
helvetia
Samaná
Edente
Aluminios Campos
O Camiño
Centro Médico San Paio
Turgalia
Start Motor
Reale Seguros
Vidromoss
 
Copyright © 2021 aestradafutsal. All Right Reserved.
Powered By Joomla Perfect